sábado, 2 de abril de 2016

A Escola Obreira e de Aprendices dos estaleiros



Antecedentes e contexto histórico

Os desastres da guerra hispano-estadounidense,  que culmina coa perda de Cuba para España no 1898,  sumiron á Marina Española nun longo período de incerteza e desmoralización.
En 1907, o goberno conservador de Antonio Maura propón unha Lei de Reforma Naval dotada cun presuposto de 200 millóns de pesetas da época (unha verdadeira fortuna) que finalmente é aprobada pola Cámara case por unanimidade.
A Lei prevé a construción de 3 acoirazados, 3 destrutores e outros buques menores. Convócase un concurso ao que se presentan varios grupos empresariais é finalmente adxudícase á Sociedade Española de Construción Naval.

A Sociedade Española de Construción Naval (SCN)

A SECN (coñecida coloquialmente por A Naval ou A Construtora) é unha sociedade que integra a varios empresarios españois liderados por Tomás de Zubiña Ybarra (conde de Zubiría) que é durante 30 anos o presidente da SECN e que, á súa vez están asociados con varias firmas británicas (Vickers, Armstrong e John Brown & Co.). Estas últimas aportaban, ademais de capital, tecnoloxía e asesoramento técnico e organizacional.





Ferrol, cidade na que están situados os estaleiros máis importantes do país, será a cidade encargada de levar a cabo a maior parte deste proxecto de construción. Os sistemas ingleses de organización do traballo, a clasificación gremial dos traballadores e tamén moitos dos usos laborais quedan gravados nos estaleiros ferroláns e a influencia inglesa deses anos vaise notar na sociedade ferrolá. Cando en Ferrol dicimos "a todo filispín" para referirnos a alguén que vai a toda velocidade, en realidade estamos a utilizar a mala tradución dos ingleses que estiveron en Ferrol dicindo "full speed", son reminiscencias daquela pegada.

Razóns pola que se crea a Escola Obreira


A Escola Obreira nace precisamente como parte da adxudicacción do contrato de construción e a súa fundación inclúese no artigo 19 do contrato que a SECN firma co Estado para a execución das obras navais, civiles e hidráulicas (xuño de 1909). A SECN funda nos departamentos de Ferrol e Cartaxena as institucións denominadas "de Beneficiencia y Previsión" que constituirán as Escolas.
Mediante a circular firmada polo Marqués de Arellano do Ministerio de Marina, e que se publica no Diario Oficial de Marina do 4 de Novembro de 1913, apróbanse os Estatutos e regulamentos para as institucións de Beneficiencia e Previsión.



As Escolas Obreiras copian o sistema de aprendizaxe inglés e fúndase coa idea de dotar de profesionais necesarios aos estaleiros. Nunha época na que as redes de formación para nenos e nenas era moi escasa e totalmente inexistente para o caso da formación profesional, estas escolas supoñen na práctica un elemento estratéxico de eficacia formativa e a única posibilidade de educación para os fillos dos obreiros.

A SECN establece un presuposto para este proxecto:
•       Para Ferrol: 100.000 pesetas.
•       Para Cartaxena: 50.000 pesetas.

A estas cantidades sumáselle tamén “ o tanto por ciento de los jornales deducidos para dicho fin desde el comienzo de las obras objeto del contrato”, o que significa que os traballadores tamén colaboraron na financiación das escolas.

A proposta aprobada establece o seguinte:

1.     La SECN fundará en el lugar del astillero una Escuela-asilo, capaz para 200 niños, hijos de obreros comprendidos entre los cinco y diez años, para recibir educación elemental con enseñanza análoga a la que el Estado da en sus escuelas de párvulos, con albergue incluido durante los días laborables y durante las horas de trabajo de los obreros y alimentación del mediodía. Será conocida, popularmente, como la Escuela Obrera.
2.     Dará enseñanza de artes e industrias a 100 jóvenes de diez a quince años, hijos de obreros, que reúnan determinadas condiciones, mediante el oportuno concierto con la Escuela de Artes e Industrias de la población otorgando la oportuna subvención.





3.     Admitirá los alumnos distinguidos de la Escuela de Artes e Industrias, mayores de catorce años, como aprendices al servicio de la Sociedad, conforme a las aptitudes de cada cual y a las necesidades de ésta.
4.     Completará las enseñanzas expresadas anteriormente organizando conferencias o clases nocturnas para adultos en un local que se estime conveniente y en forma tal que a ellas puedan acudir hasta 200 aprendices u operarios.

Dende unha visión actual, seguramente pensaremos que as Escolas Obreiras eran  institucións nas que se preparaba aos fillos de obreiros para ser obreiros sen posibilidade algunha de optar a outra cousa. Os alumnos da escola eran exclusivamente os fillos dos obreiros. Se algún obreiro ascendía na empresa e pasaba a desempeñar unha función de mando ou de delineante nas oficinas, os seus fillos xa non podían ir á Escola Obreira.





Na primeira fase da historia da Escola Obreira, foron profesores da Institución Libre de Enseñanza os que se fixeron cargo da educación dos nenos. Na foto, do ano 1931, vese que unha muller, unha profesora, imparte clases de natureza ou bioloxía, algo que, tras da Guerra Civil xa non se volverá a ver posto que serán os Irmáns de La Salle os que se encargarán da ensinanza. 
Nos anos da Guerra Civil a Escola Obreira deixa de funcionar. Cando a guerra finaliza, as transformacións da sociedade son moitas e profundas. Os ingleses da SECN abandonaron España cando a guerra e os estaleiros deixan de funcionar baixo a dirección da SECN. Comeza unha nova etapa na que a empresa pasa a chamarse E.N. Bazán de Construcciones Navales Militares S.A. baixo unha forte ditadura.
A Escola Obreira segue a ser potenciada polo réxime de Franco e utilízanse as aulas, da mesma maneira que no resto do ensino, para aleccionar ós futuros obreiros nos principios sociais e relixiosos da ditadura. Curiosamente, das aulas da Escola Obreira e da Escola de Aprendices, e a pesares do tipo de educación recibida, nace e organízase o movemento obreiro mais importante e combativo de Galicia.




É necesario facer un esforzo para poñer as Escolas Obreira e de aprendices no contexto do seu tempo. En plena posguerra, cando o ensino era un auténtico páramo e os rapaces traballaban no agro e no mar dende nenos, a formación profesional que se impartía nas escolas dos estaleiros convertían aos seus alumnos nos mellores profesionais do naval.


Proba delo son os numerosos premios nacionais que gañaron moitos deles (de soldadura, de axuste, etc.). Eran traballadores apreciados en calquera fábrica naval de Europa e algúns aproveitaron a súa formación para optar a outros postos noutros países. Aínda que a formación en materias xerais e a formación profesional teórica e práctica era o principal cometido destas escolas, hai que dicir que tamén contemplaron outras áreas na música, no teatro, no deporte, etc.


                         Foto dos aprendices de Bazán no Estadio Bernabeu



Moitos dos alumnos que pasaron por estas escolas destacaron non solo no mundo laboral do sector naval senón tamén noutros eidos: na música, na pintura, nos deportes, na política, no mundo sindical, na cultura e deixaron a súa pegada na historia da cidade. Persoeiros como Siro (artista gráfico), Ignacio Fernández Toxo (Secretario Xeral de CCOO) formáronse nas escolas obreiras.
  Este ano 2016 cúmprese o centenario do funcionamento das Escolas Obreiras e de Aprendices, e os estaleiros e a cidade de Ferrol van conmemorar ese acontecemento. Está prevista a celebración dunha exposición, a edición dun libro e algunhas outras iniciativas como conferencias e algún acto cos antigos aprendices.
       Os estaleiros e o arsenal militar foron a razón de ser do nacemento da cidade de Ferrol e case todas a familias ferrolás teñen ou tiveron algún familiar traballando neles e moitos foron alumnos das súas escolas.
A familia do meu pai é de Ferrol e os meus dous bisavós paternos foron alumnos da Escola Obreira. Nesta foto vese o meu bisavó (o de máis á esquerda), que era capataz do taller de fundición, con varios operarios e aprendices no proceso de fundición da niké que conmemora aos soldados caídos en África situada diante do Jofre. O máis novo da foto é un aprendiz (da Escola) apelidado Roca.






























No hay comentarios:

Publicar un comentario