domingo, 15 de mayo de 2016

Que significa Galiza para min?


Despois deste curso tan diferente, tan a prisas, tan agobiante...todo remata, e polo menos na miña opinión despois desta materia chamada Historia de Galiza, a miña visión desta Terra cambiou.

Durante estes meses aprendimos moitas cousas, dende os celtas e os castros, pasando pola historia das nosas familias, ata a transición á democracia e imaxinando futuros para á nosa Terra.

Galiza non sigfica unha soa cousa, Galiza é fogar, sentimento, familia, beleza, natureza, amizade, verde, auga, morriña...

Despois duns sete meses de traballo facendo entradas neste blog, todo remata, e cada unha das palabras que para min definen Galiza teñen signficados moi diferentes. Recordo que ao comezo do curso o profe mandounos facer a todos unha redacción sobre este mesmo tema na que eu dicía que Galiza é o meu fogar no que me gustaría facer a miña vida e tamén que é un lugar do que podes chegar a namorarte cando comezas a coñecer todos os seus pequenos pobos e lugares. Agora, sete meses despois, a miña opinión non cambiou, pero creo que penso con máis criterio o que creo de Galiza, ou esa é a sensación que eu teño.

Galiza é o meu fogar, igual que ao comezo do curso continúo pensando que este sitio é onde eu quero formar a miña vida e continuar vivindo, e é un sentimento porque a verdade, cando comezas a coñecer a súa historia e a coñecer todos os seus pequenos recunchos cheos de maxia da de verdade fan sentir case a calquera...

Galiza é natureza, verde e auga, todos os seus ríos, praias e montes son especiais, non son atopables en ningún outro lugar e de seguro que se chegas a sentir algo que non poderás comparar a ningún outro lugar.

Galiza é amizade e familia. Supoño que isto pensoo por ser galega, e quizais se fose doutro lugar pensaría o mesmo dese outro lugar, pero non sei se encontraría xente coma a de aquí en calquera parte, xente da que espero non perder contacto e que todo continúe así, ademais de que agora, grazas a esta materia, puiden coñecer e rememorar moitas historias relacionadas coa miña familia e coas miñas raíces, non unicamente as que están nas entradas deste blog, senón moitísimas outras que quedan en familia e que espero sinceramente que pasen de xeración en xeración.

Por último pero non menos importante, Galiza significa morriña, porque morriña é unha palabra que non ten un sinónimo en castelán e supoño que tampouco noutros idiomas, polo menos non ten outro sinónimo exacto, o único que sei e que cando paso moito tempo sen estar en Galiza, morriña é o que sinto, e seguramente a quen non sexa de aquí pero quede prendido de toda a beleza deste lugar vaille pasar o mesmo.

Dito todo isto, creo que queda clara a miña visión de Galiza e dou por rematada a materia, o curso, e como non, unha etapa de seis anos neste instituto, a que teño moi claro que vou lembrar sempre con moi bos recordos.






E xa remato...non sei vós, pero eu realmente atopo maxia nestas fotografías.























domingo, 8 de mayo de 2016

Fragas do Eume, paraíso en Galiza

A lenda conta que Deus ao crear os tres ríos que nacen na serra de O Xistral -Eume, Landro e Masma- lle prometeu un home cada ano ao que chegase primeiro ao mar. Traizoado polos outros dous, que o deixaron durmindo, o Eume tivo que cruzar vales e montes para ganar. Por iso saíu bravo e agreste e , antes da aparición dos embalses no seu cauce, tamén levaba cada ano a vida dun home.

As Fragas do Eume son un ecosistema único en Europa, debido á súa alta biodiversidade e ao seu bosque atlántico completamente característico das ribeiras máis fondas dos ríos e das proximidades ao mar.

O río Eume é o protagonista deste parque, atravesando un profundo canón que leva o mesmo nome. A súa conca ensánchase pola metade, zona onde recibe aos seus principais afluentes.
Ademais estas fragas do río Eume representan o clímax da vexetación galega, onde nas zonas máis altas do parque en lugar de predominar o bosque predomina a matogueira, na que nunhas zonas predominan máis os toxos, noutras as queiroas e noutras as xestas que se combinan coas dúas anteriores.

Nas zonas de bosque a árbore que predomina é o carballo, por detrás deste e roubándolle o seu espazo nalgunha parte está o castiñeiro e a terceira especiemáis abundante é o bidueiro.

Nas proximidades dos ríos podemos atopar ameneiros, salgueiros, pradairos e freixos principalmente. Tamén son moi abundantes os felgos ao longo de todas as fragas, xa que hai máis de 20 especies diferentes.

A dificultade para acceder a esta fraga foi o motivo de escolla para a ubicación de dúas ermitas medievais, os mosteiros de Monfero e de Caaveiro.

O mosteiro de San Xoán de Caaveiro foi establecido no ano 934 nas fragas do Eume e chegou a ter unha decena de habitantes, aínda que na Idade Moderna ese número reduciuse a seis habitantes.
O mosteiro de Monfero foi fundado no ano 1134 baixo a orde de San Bieito,pero no ano 1147 foi reconvertido en cisterciense.


Por último hai que salientar que hai catro anos, en marzo de 2012, produciuse un desastre no parque ao comezar un lume no concello da Capela, que se levou por diante 750 hectáreas, 350 delas pertencentes ao parque. Os danos causados polo incendio tardaron en recupera, pero na actualidade xa case todo volveu á normalidade.

Para rematar, paréceme que teño que dicir que en Galiza somos moi afortunados por ter este tipo de marabillas naturais.




8 de maio de 2046

Definitivamente todo cambiou, ninguén cando eu era adolescente apostaba nada pola sociedade, non había ninguén que crera que todo podería pegar tal cambio en relativamente pouco tempo.

As enerxías convencionais estaban a piques de esgotarse, tardarían xa moi poucas décadas en esvaecerse por completo, cando a solución chegou por fin.

Un grupo de científicos investigadores que levaban anos na busca de formas de aproveitar as enerxías renovables xa descubertas para así conseguir en que se convertesen nas enerxías principais nas vidas de todas as persoas. Conseguírono polo ano 2030 aproximadamente, e isto cambiou o mundo.

Ninguén apostaba un duro por que a enerxía solar fose capaz de ter a capacidade subministrar electricidade a todas as casas e pisos das grandes cidades, ou que combinada coa enerxía eólica e a mareomotriz, fosen capaces de desbancar por completo ao petróleo e ao gas natural...e xa non digamos a enerxía nuclear, que quedou absolutamente esquecida, aínda que non os seus efectos claro.
Recordando e recordando rememorei un momento da miña adolescencia...eu daba unha materia que se chamaba Historia de Galiza, o meu profe sempre nos dicía que o futuro non ía ser como nos imaxinabamos, porque a situación no mundo ía a peor (o que era  completamente verdade) que cando el tiña a nosa idade tamén tiña moitas ideas soñadoras de cara ao futuro que lle esperaba e que realmente despois non se cumpriron...Recoñezo que moitas das ideas soñadoras da miña xeración continúan sen cumprirse, pero este cambio relacionado coas enerxías fixo que a humanidade dese un pasiño en positivo, cousa que xa ía sendo hora despois de todos os pasos en falso que levaba dando durante décadas.

Obviamente, non se solucionou por agora nin o problema de derretemento dos polos, nin o desgaste da capa de Ozono porque a cantidade de contaminación expulsada á atmosfera non é algo que se solucione en 20 nin en 30 anos.

Actualmente, o mundo ten esperanza...ten esperanza nas novas enerxías que chegaron á vida de todos e que están reducindo as emisións contaminantes a ritmos soñados...Neste ano 2046 o mundo avanza, e avanza polo camiño da paz, da saúde, e das alternativas.

Ademais...no ámbito cultural o galego esta experimentando unha recuperación nunca vista ata agora...Todo avanza na nosa Galiza.

Deixo aquí un enlace á Galipedia antiga no que explica perfectamente todos os tipos de enerxía.