domingo, 22 de noviembre de 2015

Campo de concentración en Cedeira

A casa dos meus avós en Cedeira está xusto en fronte do paseo marítimo, no que no ano 2010 fíxose un monolito homenaxeando ás vítimas do campo de concentración de Cedeira.

Foi nesa data na que eu tiven a primeira noticia sobre este tema. Meus avós contáronme que nunhas fábricas de conservas que había na praia, no ano 1937, houbo un campo de concentración. Eles xa non o recordaban porque naceron despois,pero foron ao acto que se fixo en recordo das vítimas e contáronme que houbo fillos dos presos que viñeron dende varios puntos do país, fundamentalmente Asturias, para contar as experiencias dos seus pais.

Na Guerra Civil, ao caer o fronte do norte, moitos soldados republicanos e políticos e familiares trataron de fuxir embarcando en distintos tipos de buques, dende pesqueiros a barcos de pasaxeiros. Estes barcos eran interceptados polos franquistas,  e os capturados eran xulgados e moitas veces internados nestes tipos de campos de concentración. No de Cedeira chegou a haber, no ano 1938, 724 presos. Case todos eran xente nova, a metade menores de 26 anos, incluso atopáronse rexistros dun rapaz de 14 anos e tres de 15. Moitos deles eran executados na praia de Villarube. Aínda que a maioría dos presos eran de Asturias, estaban rexistradas persoas procedentes de case todas as comunidades.

Había unha alambrada de espiño rodeando as fábricas e as condición supóñense moi duras, posto que non estaban acondicionadas en absoluto para acoller  xente nelas.

Algunha xente da vila achegábase para levarlles comida, fundamentalmente peixe que era o que tiñan máis a man.


Resulta irónico que nun lugar no que agora hai un parque no que os nenos xogan tranquilamente, hai uns 75 anos fose un lugar con tanto sufrimento.

Este enlace contén información interesante sobre os presos do campo.

José Garrote Yáñez

O meu bisavó José Garrote Yáñez era, no ano 1936, un mozo que vivía na parroquia de San Román de Montoxo en Cedeira.

Nos primeiros días do levantamento franquista, o Concello de Cedeira declarouse republicano e quixo facer fronte á agresión franquista que viña dende Ferrol.  Por este motivo tomouse a decisión de mobilizar a todos os mozos da vila de Cedeira e máis a súas sete parroquias para enfrontalos aos que viñan cara o pobo dende Ferrol.

Un dos mozos mobilizados foi o meu bisavó que por aquel entón tiña 19 anos. Era alto e fornido e acostumado aos traballos do campo. Cando todos estiveron reunidos no centro da vila repartíronlles armas. Algúns traían fouciñas, gadañas...da casa, pero ao meu bisavó, que non trouxera nada, déronlle un fusil.

O bisavó non tiña conciencia política algunha, e todo aquilo parecíalle algo que non tiña que ver con el. Deron orden de que todos se puxeran por parellas e que camiñaran cara a saída da vila pola recta da Marabilla. O bisavó pensou axiña e berrou algo como : “Eu vou só, por onde vaia eu non me fai falta outro”, e botou a andar cós demais.


Pouco a pouco foise situando “estratexicamente” na beira da estrada e cando puído e aproveitando que era o mes de xullo e o trigo xa estaba alto, tumbouse nel e cando se veu só empezou a subir a costa de Piñeiro agochado no trigo ata chegar a Mosende. Un pouquiño máis abaixo da Pena do Sartego (chea de lendas ao seu redor sobre mouros e meigas) escavou coas mans un furado e enterrou nel o fusil. Do fusil non volvemos saber nada, o bisavó foi mobilizado días despois polo outro bando, que se fixo có Concello de Cedeira. Sufriu a Guerra Civil pero ao seu modo  xa que foi cociñeiro, pero aínda así pensando que a política non era cousa del.

domingo, 8 de noviembre de 2015

A historia das Médulas


Para variar un pouco esta entrada tratará dos romanos, esta é unha historia concreta que trata sobre as explotacións de ouro que se realizaban no que agora coñecemos coma as Médulas (antigo Monte Medulio). Espero que o disfrutedes.



https://es.calameo.com/books/004564720343740afa858

lunes, 2 de noviembre de 2015

Arte e crenzas nos castros

Nesta terceira entrada dispóñome a falar da arte e das crenzas das persoas que habitaban os castros, así comprobaremos que utilizaban xoias coma nos, ou que realizaban cerámicas realmente dignas de admirar.

Arte

En canto á arte nos castros, os seus habitantes traballaron a pedra, a cerámica e o metal.
A pedra pode parecer que só a utilizaron para a construción, pero sen embargo a utilizaron para a fabricación de muíños, moldes para a fundición de metais, bebedeiros, etc.
En canto á cerámica, producían obxectos de variadas formas e tamaños, todos con motivos decorativos (aínda que tamén diferentes). As decoracións podían ser a base de círculos concéntricos, triángulos, cordados...que están feitos principalmente a base de incisións ou estampacións.
En canto aos metais, o metal favorito para traballar dos castrexos sen dúbida era o bronce e con el fabricaban caldeiros,empuñaduras, contas para colares, coitelos, puntas de lanzas, etc. E o outro metal que tamén traballaban era o ferro, principalmente para os torques, brazaletes, diademas, amuletos, etc.
Na escultura caben destacar os seguintes esculpidos:
·         Os guerreiros. Trátanse de esculturas de militares en parada. En torno ao seu significado existen hipóteses varias, como poden ser: estatuas honoríficas, funerarias, heroes divinizados...
·         Cabezas humanas. Son encontradas no noroeste peninsular e delas non se sabe moito, só que son similares ás realizadas por romanos.
·         Cabezas zoomorfas. Na maioría delas non é doado recoñecer o animal que pretenden representar, e podería estar cumprindo un papel protector do gando.
·         Sedentes. Eran representacións masculinas e tiñan unha función funeraria (hai moi poucas).
·         Figuras diversas como poden ser estatuíñas ou representacións femininas que teñen moi diversas interpretacións.
·         Decoracións arquitectónicas.
·         Construcións como saunas (moi comúns na cultura dos castrexos)
        Aquí vos deixo o que para min é unhas das xoias máis fermosas, o torques:
                         
                   

Crenzas

O panteón relixioso era numeroso e completábase con cultos ou ritos relacionados con forzas da Natureza. Coñécense centos de nomes de deuses dos castrexos, pero non se coñecen ben a que se dedica cada un ou incluso se algún son o mesmo deus pero con nomes diferentes.
Para facilitar un pouco como falar das deidades castrexas vamos a dividilas en tres categorías:
·         Deidades da primeira función: posuían a soberanía e o poder nun aspecto máxico e xurídico. O máis coñecido destas deidades é coñecido có seu nome romano e é Xúpiter, que recibía culto no cumio dos montes e das montañas.
·         Deuses da guerra ou da segunda función: a este grupo rende culto a aristocracia militar. Son deuses guerreiros que actúan impulsados pola súa “loucura guerreira”. Combaten individualmente, nunca en grupo, e utilizan berros para paralizar ao inimigo.
·         Deuses da terceira función: son os deuses da fecundidade, tanto humana como animal, e da riqueza.
Espero que disfrutedes e aprendades un pouquiño con esta nova entrada.

domingo, 25 de octubre de 2015

Lendas varias da Galicia Castrexa

Nesta segunda entrada dispóñome a contarvos unhas cantas lendas de Galicia relacionadas con pedras, mouros, castros e algunha que outra cova.
Espero que disfrutedes das lendas e descubrades tantas cousas novas como descubrín eu facendo esta entrada.
A COVA DA SERPE DE FRIOL
Existen moitos lugares con este nome en Galicia, normalmente soen ser coñecidos así porque antigamente neles habitaba unha serpe de dimensións xigantescas, pero quizais a máis coñecida sexa esta, a de Friol. Para esta Cova da Serpe existen dous lendas que vos vou a contar agora.
A primeira cóntanos que uns velliños, fartos de ter que aturar á cobra xigantesca, bañaron a un burro en alquitrán, puxéronllo como cebo á cobra, ela, que tiña fame, comeu ó burriño e así morreu a cobra.
A segunda cóntanos que Berta, unha rapaza da fidalguía ía ser pateada por un cabalo xusto cando un plebeo a salvou. Os rapaces namoráronse, e todo ía ben ata que o padre de Berta se enterou e lle dixo á súa filla que non podía estar con un plebeo, que ela era da fidalguía. Como os rapaces non aceptaban a súa separación, decidiron fuxir e agocháronse na Cova da Serpe sen decatarse do perigo no seu interior. Cando a serpe saíu a recibilos, o mozo sacou un puñal cativo e peleou coa serpe, conseguiu facerlle unha ferida mortal na testa, pero antes a cobra trabáralle. Ambos morreron e de Berta dise que quedou tola e ingresou nun convento, o mozo foi enterrado na Igrexa Parroquial de Friol.



A CRUZ DE PAU DA VELLA
Encóntrase na provincia de Lugo a uns 700 metros de altitude e considérase o marco divisorio entre Ferreira do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro. Descoñécese a orixe de este granito, pero para isto temos unhas marabillosas lendas en Galicia.
Como non se ten claro a procedencia de esta pedra, hai moitos ditos, como que por alí rondaba o espírito dunha vella que se apoiaba nun pau para chorar, que alí está soterrada unha vella ou que foi unha vella a que propuxo poñer o marco para separar os concellos da Ferreira do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro. Probablemente a procedencia deste nome permaneza sendo un misterio para sempre.



A PEDRA ALTA OU ANTELA
A Pedra Alta ou Antela é un menhir que dá nome á lagoa de Antela, e ademais é o marco divisorio de tres concellos da provincia de Ourense: Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus. Moitos din que unha moura ía fiando á vez que levaba a pedra na cabeza.



A PENA ABALADOIRA DA SERRA DO XISTRAL
A Pedra Abaladoira é unha pedra de granito de forma oval pousado sobre outro, e có máis lixeiro impulso abana sen chegar a caer. Cóntase que sobre ela deitábanse parellas con problemas de fertilidade.
Nesta pedra antigamente realizábanse sacrificios de animais e botábase o sangue en dous buratos que hai na parte superior para despois purificarse con ela. A auga da chuvia que apoza nestes buratos é para curar as verruga, e quen a para por debaixo e abaneala cunha soa man cura o reuma.



CASTRO DE MEIRÁS
O castro de Meirás está en Oleiros (A Coruña) ten como curiosidade unha parte na que está oco e onde podemos chegar a escoitar música. Neste castro hai un tesouro enterrado e está tapado cunha gran pedra cun aro de ferro no medio.
A lenda conta que quen se atope ao anoitecer no lugar do tesouro verá unha pola de ouro cos seus pitos, máis a persoa que esté alí non os poderá coller e se perderán dentro do castro.
Ademais hai outra lenda que nos conta que no oco dunha rocha orientada cara o sur, está encerrada unha princesa encantada, nas noites de lúa chea canta moi bonito, pero se alguén se acerca mentres ela canta desaparece para sempre.

O TRASNO DE ARES
Preto do castro, baixando cara a costa había unha cova onde vivía un trasno e ao que e acercaba á cova o afogaba.
A xente que pasaba por riba da cova e escoitaba ruído miraba para atrás, entón o trasno saía e encerraba a esa persoa. Dise que en realidade o trasno era unha roca de forma estraña que se convertía nel.

Segundo conta a lenda o gran conquistador Breogán fundou no territorio da actual Galicia a cidade de Brigantia, e nela levantou unha torre tan alta -a actual Torre de Hércules- que unha noite seu fillo Ith puido divisar dende ela a costa verde de Inis Ealga –Irlanda-. Ata alí dirixiu a súa nave, e nese lugar encontrou a morte a mans dos ávidos gobernantes tribais da illa. En vinganza, os fillos de Mil, el neto guerreiro de Breogán, conquistaron a terra esmeralda. E é por iso polo que se di que os descendentes galegos de Mil son antepasados de todos os irlandeses. 

                                                                                                  




domingo, 18 de octubre de 2015

O castro de Santa Trega

Un dos castros máis famosos e coñecidos da nosa terra é o de Santa Trega, localizado na Guarda, moi pretiño de Portugal.
Todos fomos cando éramos máis pequenos cos nosos pais ou quizais de excursión coa escola a este castro tan coñecido, pero seguramente ningún de nós recordamos a lenda que xira entorno a el.
Santa Trega é a patroa do monte no que está ubicado o castro e para coñecer a súa lenda debemos retroceder ata o século XV.
Os poboadores deste monte encontrábanse nunha época dunha intensa sequía que duraba anos e non sabían que facer ou a que santo encomendarse para que as chuvias volvesen. Unha rapaza do pobo que andaba a pastorear polo monte, botouse a durmir un anaco baixo una pedra, mentres estaba alí, para a súa sorpresa aparecéuselle Santa Trega. Obviamente o primeiro que fixo a pastorciña nada máis ver á Santa foi pedirlle que por favor lles devolvese as chuvias xa que así non podían seguir vivindo nin ela nin o seu pobo.
Ante a desesperación que mostraba a pobre pastora, Santa Trega decidiu devolverlles as chuvias, pero para iso todo o pobo debería subir ata ese mesmo lugar en procesión e pasar tres días sen comer nada (en xaxún).
A rapaza volveu ao pobo o máis pronto que puido e contoulles a todos os habitantes o que lle sucedera arriba do monte mentres andaba a pastorear, todo o pobo creuna de inmediato e decidiron seguir as ordes de Santa Trega.
Conta a lenda que cando levaban un día e medio de xaxún, para a alegría de todo o pobo as chuvias comezaron por fin. Dende aquela mantense esta lenda e incluso fíxose un pequeno santuario onde a Santa se apareceu.
Hai que destacar que o castro de Santa Trega é impresionante, polo menos na miña opinión, xa que nel pode apreciarse que o chan estaba pavimentado, as casa tiñan “calefacción”, existía un sistema de canalización da auga da chuvia espectacular có que seguro que non sufrían nin unha inundación os habitantes do poboado.

Aquí déixovos unha foto para que apreciedes a beleza e a espectacularidade do castro.