domingo, 22 de noviembre de 2015

José Garrote Yáñez

O meu bisavó José Garrote Yáñez era, no ano 1936, un mozo que vivía na parroquia de San Román de Montoxo en Cedeira.

Nos primeiros días do levantamento franquista, o Concello de Cedeira declarouse republicano e quixo facer fronte á agresión franquista que viña dende Ferrol.  Por este motivo tomouse a decisión de mobilizar a todos os mozos da vila de Cedeira e máis a súas sete parroquias para enfrontalos aos que viñan cara o pobo dende Ferrol.

Un dos mozos mobilizados foi o meu bisavó que por aquel entón tiña 19 anos. Era alto e fornido e acostumado aos traballos do campo. Cando todos estiveron reunidos no centro da vila repartíronlles armas. Algúns traían fouciñas, gadañas...da casa, pero ao meu bisavó, que non trouxera nada, déronlle un fusil.

O bisavó non tiña conciencia política algunha, e todo aquilo parecíalle algo que non tiña que ver con el. Deron orden de que todos se puxeran por parellas e que camiñaran cara a saída da vila pola recta da Marabilla. O bisavó pensou axiña e berrou algo como : “Eu vou só, por onde vaia eu non me fai falta outro”, e botou a andar cós demais.


Pouco a pouco foise situando “estratexicamente” na beira da estrada e cando puído e aproveitando que era o mes de xullo e o trigo xa estaba alto, tumbouse nel e cando se veu só empezou a subir a costa de Piñeiro agochado no trigo ata chegar a Mosende. Un pouquiño máis abaixo da Pena do Sartego (chea de lendas ao seu redor sobre mouros e meigas) escavou coas mans un furado e enterrou nel o fusil. Do fusil non volvemos saber nada, o bisavó foi mobilizado días despois polo outro bando, que se fixo có Concello de Cedeira. Sufriu a Guerra Civil pero ao seu modo  xa que foi cociñeiro, pero aínda así pensando que a política non era cousa del.

No hay comentarios:

Publicar un comentario