domingo, 22 de noviembre de 2015

Campo de concentración en Cedeira

A casa dos meus avós en Cedeira está xusto en fronte do paseo marítimo, no que no ano 2010 fíxose un monolito homenaxeando ás vítimas do campo de concentración de Cedeira.

Foi nesa data na que eu tiven a primeira noticia sobre este tema. Meus avós contáronme que nunhas fábricas de conservas que había na praia, no ano 1937, houbo un campo de concentración. Eles xa non o recordaban porque naceron despois,pero foron ao acto que se fixo en recordo das vítimas e contáronme que houbo fillos dos presos que viñeron dende varios puntos do país, fundamentalmente Asturias, para contar as experiencias dos seus pais.

Na Guerra Civil, ao caer o fronte do norte, moitos soldados republicanos e políticos e familiares trataron de fuxir embarcando en distintos tipos de buques, dende pesqueiros a barcos de pasaxeiros. Estes barcos eran interceptados polos franquistas,  e os capturados eran xulgados e moitas veces internados nestes tipos de campos de concentración. No de Cedeira chegou a haber, no ano 1938, 724 presos. Case todos eran xente nova, a metade menores de 26 anos, incluso atopáronse rexistros dun rapaz de 14 anos e tres de 15. Moitos deles eran executados na praia de Villarube. Aínda que a maioría dos presos eran de Asturias, estaban rexistradas persoas procedentes de case todas as comunidades.

Había unha alambrada de espiño rodeando as fábricas e as condición supóñense moi duras, posto que non estaban acondicionadas en absoluto para acoller  xente nelas.

Algunha xente da vila achegábase para levarlles comida, fundamentalmente peixe que era o que tiñan máis a man.


Resulta irónico que nun lugar no que agora hai un parque no que os nenos xogan tranquilamente, hai uns 75 anos fose un lugar con tanto sufrimento.

Este enlace contén información interesante sobre os presos do campo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario