domingo, 21 de febrero de 2016

Ferrol, 10 de marzo de 1972

O 10 de marzo de 1972, os obreiros da Empresa Nacional Bazán manifestábanse polas rúas e avenidas de Ferrol, onde caeron mortos Daniel Niebla e Amador Rei polas balas da policía franquista.

Os traballadores de Bazán estaban mobilizándose por cuestións de índole laboral. Dirixíanse cara a Astano para convidar aos operarios desa empresa a que se unisen á protesta, cando no intento producíuse un acalorado enfrontamento coa inesperada resposta dos "grises", que utilizaron balas asasinas para frear a marcha dos obreiros, o que conlevou a morte dos compañeiros Daniel e Amador.

Por mor deste conflito e ante a represión desatada contra os dirixentes laborais, moitos traballadores fuxiron cara Francia, onde se exiliaron; outros foron encarcerados (e despedidos), no afán da ditadura de lograr desta maneira o descabezamento do movemento obreiro ferrolán.

Rosa Cal, doutora en Pedagoxía e Periodismo e profesora na Complutense de Madrid, publicou un libro relatando os sucesos de Ferrol, aportando nova información a partir de certos documentos. Segundo estos documentos, quedou esclarecido que o Réxime temía aos traballadores de Ferrol, porque Comisións Obreiras estaba convertíndose nun sindicato moi forte en Bazán.

O ocorrido en Ferrol tivo tanto eco en España coma no estranxeiro. Esta revolución obreira non sucedeu en vano, e axudou a traer a democracia ao país.

Mentres ocorrían todos estes sucesos, os meus familiares os estaban vivindo de diferentes maneiras...

  • Meu pai tiña 13 anos e estaba en clase neste mesmo instituto, no instituto masculino, e el cóntame que estaban nunha clase cun profesor moi maior que tiñan e que a el encantáballe. Di que o que recorda é que nun momento comezaron a escoitar disparos e este profesor, moi calmado e tranquilo, lles dixo que se agocharan debaixo da ventana e esperasen alí a que todo cesase.
  • Miña avoa, asustada, e có seu fillo en clase, comezou a aprovisionar comida pola incertidumbre do que podería pasar despois.
  • Meu tío avó tiña 21 anos e viña de Cedeira para traballar en Bazán todos os días. Ese día, cando todo comezou decidiu volver para non preocupar a familiares. El e moitos máis tiveron que volver andando dende Ferrol, porque a liña de autobuses non funcionaba e pouca xente tiña coche, e a que o tiña, levaba a persoas máis maiores.
Esta foi unha das últimas represións, e significou moito para a transición á democracia que chegaría uns anos despois.



domingo, 31 de enero de 2016

Loita polo percebe en Cedeira

O día 1 de Xuño do ano 1999 entraba en vigor una norma pola que os percebeiros  de Cedeira xa non podían traballar en moitas zonas da costa nas que, desde sempre o viñan facendo. 

Cambiar unha lei, ás veces, quere dicir que se cambia tamén unha maneira de vivir. Os percebeiros decidiron ir igual a arrincar percebes das penas onde estaba prohibido. Fixérono en sinal de protesta porque, de antemán sabían que non se ían poder vender, así que a idea era facer unha festa aberta ao pobo para que quen quixese, se acercase á lonxa a comer os percebes.

Pero a cousa non ía ser tan doada. A resposta das autoridades foi enviar ás forzas de seguridade a tomaren a mariñeira vila de Cedeira. Pecharon os accesos a ela, de maneira que ninguén podía saír ou entrar e desaloxaron pola forza a lonxa do peixe. Houbo tiros e fume e berros e violencia. Ducias de antedesturbios e garda civil bourando na xente sen facer excepcións, nenos, vellos, mulleres e homes.  Os mariñeiros fixeron unha barricada xuntando 
cousas nunha pila e plantáronlle lume. Algo que pretendían as forzas de seguridade, era requisar os percebes, pero ese foi un obxectivo que non puideron lograr. Os percebes quedaron na lonxa, e cando o enfrontamento finou, celebrouse a festa aberta e a xente da vila acercouse a gozar dos percebes.

O grupo Cempés compuxo dúas cancións para recordar estes feitos: 1 de Xuño en Cedeira (Montecuruto), Que non volvan!
Na primeira canción poden escoitarse audicións dese mesmo día, e na segunda é unha actuación na que na canción narranse os feitos na forma na que o sentiron os loitadores cedeireses.

sábado, 30 de enero de 2016

NUNCA MÁIS, o único berro de xustiza entre tanta inxustiza

Despois de pensalo e repensalo... decidín comezar coas entradas do tema "Galicia Rebelde" por algo que é o máis cercano a min en canto a tempo. 
En novembro do ano 2002 afundiu fronte as costas galegas o buque petroleiro Prestige, que provocou unha inmensa marea negra dende o norte de Portugal ata Francia, e que foi a maior catástrofe ecolóxica de Galicia. A raíz desta catástrofe, as xentes de Galicia, incluída moita xuventude, realizaron unha mobilización social e política denominada Nunca Máis.

A pesar de que eu era moi pequena, recordo bastante ben o día do afundimento do Prestige, porque foi o día en que eu cumpría 4 anos.
Recordo á miña familia moi preocupada, pendentes das noticias, porque eles xa viviran o accidente do petroleiro Mar Egeo, que se incendiou en fronte da Torre de Hércules na Coruña o 3 de decembro de 1992.



No afundimento do Prestige, o buque comeza a perder moito fuel, e na madrugada do 13 ao 14 de novembro, o fuel chegaba ás inmediacións da Coruña, cando afundira a uns 50km mar adentro con respecto ao Cabo Fisterra.

O día 14 pola mañá,  barco atopábase a 3km da costa, pero o seu remolque tardou horas en comezar.
As autoridades deciden afastar o barco da costa e unha vez que está afastado unhas 65 millas da costa (104km) do Cabo Vilán, sábese que continua botando un pouco de fuel, e que o capitán do buque non colaborou nos labores de rescate.

O venres 15 de novembro, as autoridades barallaban o máis probable: que o casco do barco partira en dous, polo que só quedaba o remolque, e o lugar dispoñible era a Ría de Vigo. Este mesmo día son trasladados a terra 5 dos tripulantes, e o capitán pide a súa evacuación, cando chega a terra é detido.

Durante o 16 de novembro, có buque a piques de partir en dous sendo remolcado cara Vigo, as autoridades chegan a dicir que o problema está en vías de solución, algo irónico tendo en conta que neste mesmo día chegou a primeira marea negra ás praias de entre Fisterra e Touriñán. Ademáis, Arias Cañete, afirmou que "se conseguira evitar unha verdadeira catástrofe pesqueira e ecolóxica", quizais era demasiado cedo para realizar semellante afirmación.

O domingo 17 de novembro, López Veiga intenta tranquilizar á poboación: "Non se trata dunha marea negra, só dun vertido de fuel", pero prohibiu a pesca entre Mera e Fisterra.

O 18 de novembro comézase a concesión de axudas aos afectados, que aprobarán antes do Nadal.

Finalmente, o martes 19 de novembro o petroleirogretouse en dúas partes, que afunderon ao cabo dunhas horas. Neste momento o buque atopábase á altura das Illas Cíes. A marea negra xa afectaba a 300km de costa.
Durante os días seguintes vértense en total un resto de 13700 toneladas de fuel, que serían retiradas en 2004.

1 de decembro: en Santiago de Compostela, ten lugar a primeira manifestación Nunca Máis.

2 de decembro: o fuel cobre 164 praias en Galicia, 13 delas afectadas moi gravemente.

3 de decembro: 179 praias son as afectadas, 18 delas moi gravemente.

4 de decembro: o fuel chega á boca das rías de Pontevedra e Vigo, onde 800 barcos e máis de 7000 persoas de a pé e mariñeiros intentan recoller o fuel do mar coas súas propias mans.

Ao longo do mes de decembro:

Descóbrense fugas continuas de fuel na proa afundida do barco. Dúas novas manchas de fuel afloran sobre o lugar do afundimento, estímase que o fuel contido no barco pode continuar verténdose de 5 a 39 meses.
A marea negra entra nas rías de Pontevedra e de Vigo.
Os patróns maior de O Grove e Cangas inician unha folga de fame para esixir máis medios, únense a eles dous patróns máis e cinco mariñeiros.
Moitos mariñeiros galegos deciden saír a buscar chapapote, para así polo menos evitar que chegara a costas, rías e praias.




As praias de Ribeira, Carnota, Corme, Muxía... caen baixo chapapote de 1m de espesor. O Goberno comunica que hai 657 praias afectadas.
Estudantes e profesores de todas Galicia estenden unha cadea humana entre Malpica e Laxe.
Unha nova ondada de fuel cae sobre Carnota e Ferrol.

O 23 de febreiro é convocada unha manifestación masiva en Madrid polo movemento Nunca Máis.

Hoxe, a popa repousa a unha profundidade de 3545  metros e a proa a 3820. Trala extracción dunhas 14000 toneladas en 2004, quedou un resto adherido ás paredes imposible de retirar dunhas 700 toneladas na popa e 300 na proa.

O movemento Nunca Máis actuou durante todo o procedemento de limpeza de chapapote das praias e con multitudinarias manifestacións esixindo verdadeiras solucións para o pesadelo que estaba a vivirse enn Galicia e nas súas costas.

Ademais de todas as especies mariñas, aves e plantas mortas e recollidas debido a esta catástrofe, foi principalmente a marea blanca a que limpiou as nosas praias de todo.
A marea blanca estaba formada por miles de persoas anónimas que acudiron ás praias para limpialas , incluso moita xente de fóra de Galicia ou de fóra de España.




E quizais moitos non coñezan a súa historia pero o máis probable é que o alemán Man fora a persoa que máis sufriu có Prestige.

Man foi un home que chegou a Camelle e enamorouse perdidamente de Galicia , quedouse a vivir na costa de Camelle, onde realizaba diversas figuras con pedras , que coontinúan alí resistindo os temporais. Man vivía alí, era o seu fogar, a súa figura está marcada no muro que rodea as súas esculturas. Pero Man, fíxose aínda máis coñecido cando morreu. Morreu da pena que lle causu a visión do seu fogar arrasado pola marea negra (Camelle foi una zona gravemente afectada).
























No verán do ano 2003 recordo ir á praia de Pantín e do Baleo e non poder meterme na auga porque as plantas dos pés enchíanse de "algo negro que se pega e despois non sae", o chapapote.

Recordo tamén que o meu pai xa non ía a pescar nin a bucear, e de que a min parecíame moi raro porque era verán e normalmente ía varias veces por semana... Pouco a pouco o fun comprendendo, e comprendín tamén que esta foi a mobilización solidaria máis grande que houbo nunca en Galicia, e probablemente en España.

Nunca máis serviu para que todo o mundo nos demos conta de que, ao fin a ao cabo, estamos no mesmo barco.




domingo, 22 de noviembre de 2015

Campo de concentración en Cedeira

A casa dos meus avós en Cedeira está xusto en fronte do paseo marítimo, no que no ano 2010 fíxose un monolito homenaxeando ás vítimas do campo de concentración de Cedeira.

Foi nesa data na que eu tiven a primeira noticia sobre este tema. Meus avós contáronme que nunhas fábricas de conservas que había na praia, no ano 1937, houbo un campo de concentración. Eles xa non o recordaban porque naceron despois,pero foron ao acto que se fixo en recordo das vítimas e contáronme que houbo fillos dos presos que viñeron dende varios puntos do país, fundamentalmente Asturias, para contar as experiencias dos seus pais.

Na Guerra Civil, ao caer o fronte do norte, moitos soldados republicanos e políticos e familiares trataron de fuxir embarcando en distintos tipos de buques, dende pesqueiros a barcos de pasaxeiros. Estes barcos eran interceptados polos franquistas,  e os capturados eran xulgados e moitas veces internados nestes tipos de campos de concentración. No de Cedeira chegou a haber, no ano 1938, 724 presos. Case todos eran xente nova, a metade menores de 26 anos, incluso atopáronse rexistros dun rapaz de 14 anos e tres de 15. Moitos deles eran executados na praia de Villarube. Aínda que a maioría dos presos eran de Asturias, estaban rexistradas persoas procedentes de case todas as comunidades.

Había unha alambrada de espiño rodeando as fábricas e as condición supóñense moi duras, posto que non estaban acondicionadas en absoluto para acoller  xente nelas.

Algunha xente da vila achegábase para levarlles comida, fundamentalmente peixe que era o que tiñan máis a man.


Resulta irónico que nun lugar no que agora hai un parque no que os nenos xogan tranquilamente, hai uns 75 anos fose un lugar con tanto sufrimento.

Este enlace contén información interesante sobre os presos do campo.

José Garrote Yáñez

O meu bisavó José Garrote Yáñez era, no ano 1936, un mozo que vivía na parroquia de San Román de Montoxo en Cedeira.

Nos primeiros días do levantamento franquista, o Concello de Cedeira declarouse republicano e quixo facer fronte á agresión franquista que viña dende Ferrol.  Por este motivo tomouse a decisión de mobilizar a todos os mozos da vila de Cedeira e máis a súas sete parroquias para enfrontalos aos que viñan cara o pobo dende Ferrol.

Un dos mozos mobilizados foi o meu bisavó que por aquel entón tiña 19 anos. Era alto e fornido e acostumado aos traballos do campo. Cando todos estiveron reunidos no centro da vila repartíronlles armas. Algúns traían fouciñas, gadañas...da casa, pero ao meu bisavó, que non trouxera nada, déronlle un fusil.

O bisavó non tiña conciencia política algunha, e todo aquilo parecíalle algo que non tiña que ver con el. Deron orden de que todos se puxeran por parellas e que camiñaran cara a saída da vila pola recta da Marabilla. O bisavó pensou axiña e berrou algo como : “Eu vou só, por onde vaia eu non me fai falta outro”, e botou a andar cós demais.


Pouco a pouco foise situando “estratexicamente” na beira da estrada e cando puído e aproveitando que era o mes de xullo e o trigo xa estaba alto, tumbouse nel e cando se veu só empezou a subir a costa de Piñeiro agochado no trigo ata chegar a Mosende. Un pouquiño máis abaixo da Pena do Sartego (chea de lendas ao seu redor sobre mouros e meigas) escavou coas mans un furado e enterrou nel o fusil. Do fusil non volvemos saber nada, o bisavó foi mobilizado días despois polo outro bando, que se fixo có Concello de Cedeira. Sufriu a Guerra Civil pero ao seu modo  xa que foi cociñeiro, pero aínda así pensando que a política non era cousa del.

domingo, 8 de noviembre de 2015

A historia das Médulas


Para variar un pouco esta entrada tratará dos romanos, esta é unha historia concreta que trata sobre as explotacións de ouro que se realizaban no que agora coñecemos coma as Médulas (antigo Monte Medulio). Espero que o disfrutedes.



https://es.calameo.com/books/004564720343740afa858

lunes, 2 de noviembre de 2015

Arte e crenzas nos castros

Nesta terceira entrada dispóñome a falar da arte e das crenzas das persoas que habitaban os castros, así comprobaremos que utilizaban xoias coma nos, ou que realizaban cerámicas realmente dignas de admirar.

Arte

En canto á arte nos castros, os seus habitantes traballaron a pedra, a cerámica e o metal.
A pedra pode parecer que só a utilizaron para a construción, pero sen embargo a utilizaron para a fabricación de muíños, moldes para a fundición de metais, bebedeiros, etc.
En canto á cerámica, producían obxectos de variadas formas e tamaños, todos con motivos decorativos (aínda que tamén diferentes). As decoracións podían ser a base de círculos concéntricos, triángulos, cordados...que están feitos principalmente a base de incisións ou estampacións.
En canto aos metais, o metal favorito para traballar dos castrexos sen dúbida era o bronce e con el fabricaban caldeiros,empuñaduras, contas para colares, coitelos, puntas de lanzas, etc. E o outro metal que tamén traballaban era o ferro, principalmente para os torques, brazaletes, diademas, amuletos, etc.
Na escultura caben destacar os seguintes esculpidos:
·         Os guerreiros. Trátanse de esculturas de militares en parada. En torno ao seu significado existen hipóteses varias, como poden ser: estatuas honoríficas, funerarias, heroes divinizados...
·         Cabezas humanas. Son encontradas no noroeste peninsular e delas non se sabe moito, só que son similares ás realizadas por romanos.
·         Cabezas zoomorfas. Na maioría delas non é doado recoñecer o animal que pretenden representar, e podería estar cumprindo un papel protector do gando.
·         Sedentes. Eran representacións masculinas e tiñan unha función funeraria (hai moi poucas).
·         Figuras diversas como poden ser estatuíñas ou representacións femininas que teñen moi diversas interpretacións.
·         Decoracións arquitectónicas.
·         Construcións como saunas (moi comúns na cultura dos castrexos)
        Aquí vos deixo o que para min é unhas das xoias máis fermosas, o torques:
                         
                   

Crenzas

O panteón relixioso era numeroso e completábase con cultos ou ritos relacionados con forzas da Natureza. Coñécense centos de nomes de deuses dos castrexos, pero non se coñecen ben a que se dedica cada un ou incluso se algún son o mesmo deus pero con nomes diferentes.
Para facilitar un pouco como falar das deidades castrexas vamos a dividilas en tres categorías:
·         Deidades da primeira función: posuían a soberanía e o poder nun aspecto máxico e xurídico. O máis coñecido destas deidades é coñecido có seu nome romano e é Xúpiter, que recibía culto no cumio dos montes e das montañas.
·         Deuses da guerra ou da segunda función: a este grupo rende culto a aristocracia militar. Son deuses guerreiros que actúan impulsados pola súa “loucura guerreira”. Combaten individualmente, nunca en grupo, e utilizan berros para paralizar ao inimigo.
·         Deuses da terceira función: son os deuses da fecundidade, tanto humana como animal, e da riqueza.
Espero que disfrutedes e aprendades un pouquiño con esta nova entrada.